jueves, 25 de junio de 2020
Ares
Así como Caamouco é a nosa parroquia veciña, Ares e o noso concello lindante e conta con outra parroquia a maiores das nomeadas; Cervás. Estas, a súa vez divídense en lugares, etc. En definitiva, un lío artellado entre os reis suevos e un tal San Martiño de Dumio fai una chea de anos, cando Galicia incluso chegou a ser reino. Logo convertéronnos en república e... hasta agora.
Os concellos, como os coñecemos, chegaron moito máis tarde e asentáronse maiormente nas vilas, as antigas villae romanas. En definitiva , Ares é ademais do noso concello veciño, vila mariñeira e parroquia, todo ao mesmo tempo. Como concello abarca dúas rías, a que leva o seu nome e parte da de Ferrol, converténdose deste xeito no mascaron de proa do arciprestado de Bezoucos, outro lío territorial.... mellor continuemos. Ares concello, conta con infinidade de lugares que visitar pero contamos con pouco espazo e parte ocupámolo na organización territorial da república galega. Sinalemos entón os espazos que cremos máis significativos. A visita ao mosteiro románico de Santa Catalina e indispensable, no seu parque atoparemos unha pedra cun disco solar, que corroboraría o afirmado no seu día polo escritor ferrolán Bieito Vicetto sobre a orixe grega de Ares. Preto do Mosterio temos o mirador da bailadora, sen lugar a dúbidas unhas das mellores vistas que un ser humano pode contemplar. Dunha banda o poder da natureza modelando a traveso dos milenios a incomparable beleza dunha ría extremadamente fértil. Por outra banda, un repaso á historia da humanidade dende o seu propio nome “pena Bailadora” probablemente megalítico. Pasando por aquel imperio onde non se poñía o sol e que necesitaba do control dos mares, como nos lembran os castelos de San Felipe, na honra de Felipe II, rei que nos permitiu seguir sendo república, e o da Palma xusto enfronte e xa no concello de Mugardos. Remata o repaso humanístico a bailadora mostrándonos unha precaria industrialización que converteu á comarca ferrolá en escrava da construción naval. Pero o mirador vai máis alá, sen prestar demasiada atención -non merece a pena- na bocana da ría, podemos contemplar en que consiste a destrución do patrimonio natural e paisaxístico en base á eterna chantaxe emocional que vincula o noso benestar social a milleiros de empregos que nunca se concretan. En definitiva máis que un mero balcón, a bailadora é unha lección de vida. Se baixamos cara a Parroquia de Cervas pola pista forestal podemos chegar ás baterías do Segaño , complexo militar que formaba parte do entramado defensivo da ría de Ferrol. Desde alí podemos embobarnos contemplando a máis fermosa das calas do Golfo Ártabro. A praia de Chanteiro, de fina area regolítica e augas cor turquesa, escóndese no fondal da enseada resgardada por poderosos bloques graníticos que lle transmiten unha singularidade moi, moi, especial. Pegada á praia temos a ermida da Mercede onde ano tras ano se celebra unha romaría en débeda pola intercesión da Virxe na peste do 1404. 600 anos máis tarde a renovación anual do voto segue a ser festa local. Camiño da vila de Ares podemos deternos nas Mirandas, dous pequemos illotes onde ferve a biodiversidade, ourizos, anémonas, estrelas de mar e hasta unha serea que solo os máis dilixentes son quen de aquelar na veciña praia de Estacas, ou nas máis afastadas de Perbes e Centroña, son os mesmos que teñen visto ao solpor o raio verde na Cova dos Mouros. A Igrexa de Lubre de transición do románico ao gótico sen dúbida merece unha visita. Chegados á vila de Ares nos atopamos cun espazo dual, a vila conta cos mellores e máis fermosos exemplos da arquitectura tradicional mariñeira que podemos atopar en toda Galicia, convivindo en perfecta discordancia con execrables aberracións urbanísticas debedoras do tardofranquismo. Por iso mesmo e tremendamente didáctico dar un paseo, pausado e analítico, polas súas rúas. Como punto de partida propoñemos a escola indiana “Alianza Aresana”a primeira escola erguida en Galicia grazas aos cartos procedentes do éxodo aresán cara América a primeiros do século XX. Un larguísimo e agradable paseo marítimo nos conduce ao agarimoso parque de Rosalía que convive, agora si, en perfecta harmonía coa fermosa e recollida praia da vila. Quen pode pedir máis? Pois aquel que pida, no fondal do parque atopará a guinda do pastel na feiticeira ponte romana da Ciscada que, a maiores, serve de linde coa nosa veciña parroquia de Caamouco. Pero esa, xa é outra historia.....
O Pregoneeeeeeero
Avisos Reservas online esgotadas!!!!!! Aclaración en torno ás reservas!!!!!!!!. Seguro, caíchedes na conta de que son gratuita...
-
Falamos agora dun grupazo, tan guapos que se cualifican a si mesmos como Sex Symbols do Rock'n'Roll. The Bo Derek's, según ele...
-
Avisos Reservas online esgotadas!!!!!! Aclaración en torno ás reservas!!!!!!!!. Seguro, caíchedes na conta de que son gratuita...